Pensións selectivas (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/11/2000)

<

p align=”justify”>O pasado venres, volvendo canso á casa, atopei un veciño co que comentei o mal carreiro en que se meteu Galicia, país de prevencións contra os embarazos, reino da marcha atrás, o preservativo, o anovulatorio, o DIU, a vasectomía, a ligadura de trompas, o aborto, a pílula do día despois…
O veciño, home de humor e pai dun só fillo, repetiu un amargo chiste alleo: “A miña señora e eu usamos como anticonceptivo as hipotecas”. E eu, por ir apurado, non lle contei algo visto no museo do indio en Humahuaca: unha figuriña de varón e muller en coito anal, indicativa de mala colleita.
O sábado viñeron as novas de que Galicia morre sen remedio, que perde dez mil habitantes todos os anos, e que o proceso vai a peor.
Mesmo custa crelo. Que o pobo que repoboou a Península Ibérica e as América se veña a nada, tan pasivamente, tan nihilistamente…
O domingo durmín a sesta coa Irene, que me espertou ás patadas, e tentando meter os dedos nos meus ollos.
Ollando para a insensata, que xa pedía colo aos gritiños, dei en pensar que, se cadra, a poboación de Galicia se vai estabilizar dalgún xeito, pero que haberá moitísimo solteirón e moito matrimonio sen fillos, ou cun só.
Por tanto, os que tivemos familia debemos reclamar unhas pensións públicas selectivas: porque é grande inxustiza que os nosos fillos -xa escasos- carguen con anciáns que nada lles deron.
Se houbese unha lei nese senso (pensión en proporción ao procreado), quizais os retraídos cambiasen de actitude.
Apostemos logo ao voto. Tomen nota os políticos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*