“Arcolitos” (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/11/2000)

Cando era pequeno gustábame ver os traballos dunha carpintería de ribeira en Pontedeume, á que ía a nado desde Cabanas.
Xa daquela pensaba seren benzón da Natureza as árbores que chamaban “arcolitos”: cheiraban mellor ca ningunha madeira e daban troncos moi rectos, que mesmo valían para quillas das lanchas.
Pasados os anos veu a demonización desa planta tropical, coñecida desde hai séculos, pero só observada e cultivada desde o XIX. O eucalipto parecía a maldición bíblica do país da auga chamado Galicia. A xente insistía en que “seca as fontes”. Era unha árbore intrusa, pirofítica, válida só para alimentar fábricas de polpa.
Con todo, eu lembraba aqueles madeiros nas quillas das tarrafas eumesas, e uns mobles bastos da casa dos meus pais en Cabanas, tamén de eucalipto, resistentes coma ningún ao paso do tempo —só cun defecto: que a madeira tiña fendas, imposibles de ocultar co verniz…
Este día estiven a falar co Xaime Bermúdez, director do CIS da Madeira; e teleconferenciamos co Manuel Touza, que traballa con el. Do que me dixeron souben que en Galicia o eucalipto pode ser un grande producto silvícola, porque xa están desenvolvidas as técnicas para conseguir que non rache ao secar.
Alén diso, ten comportamentos para construcción e moblaxe que superan os das chamadas “madeiras nobres”; e todos sabemos de como medra un eucalipto en relación a un carballo.
Haberá logo que dar un novo valor ás fragas; e pensar que tan alleo a Galicia en orixe é o popular millo coma a recendente leñosa australiana.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*