No Parrulo (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/11/2000)

O Abel foi un bo compañeiro, deses dos que se pode aprender: do choio e da vida. Galego típico, con contundente apelido toponímico, fora emigrante no País Vasco, onde aprendera oficio.
Con el vivín curiosos momentos, como o do accidente do Urquiola, aquela nube inmensa, incrible, que comezamos a ver, vindo de Lugo, desde o Montesalgueiro; e o caos da Coruña na que chovían pingas negras; e a angustia por sabermos o que fora das nosas familias…
Pero antes vivimos outra. Estabamos a montar uns aparellos moi complexos na residencia sanitaria Arquitecto Marcide de Ferrol. Era novembro do 75 e xa se vía vir. Os médicos dicíannos que o estaban a manter vivo á forza; que o xenro era o que daba as ordes, para que os do réxime tivesen tempo de levaren os cartos a Suíza.
Nós traballabamos e ollabamos o porvir a medilo por xornadas, na esperanza de que non pasase nada ruín. Ata que un día lle sacaron os tubos; e houbo loito.
Pero a nós durounos pouco porque logo volviamos ao choio no hospital de Catabois. E seguían a desfilar adictos por diante do cadaleito aberto que a única televisión española non deixaba de mostrar.
Daquela nós xantabamos no Parrulo (¡por 250 pesetas!) e alí foi onde tivo lugar a humorada. Comiamos en silencio, a ollarmos de cando en cando para a pantalla. Viamos o que non dabamos crido: parecía fantasía de cine.
Quizais por iso foi polo que o Abel levantou a voz, sen receos, e dixo:
-Velaí El ataud del vampiro.
E ao noso arredor sentiuse unha gargallada xeral, asordinada, mal reprimida.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*