Emprendedores (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/11/2000)

De volta no Impaís mellor do mundo, inmenso morredoiro de vellos, lugar sen sorrisos de nenos que nos sigan a enganar coas marabillas da vida, alguén ten a xentileza de me dar a posibilidade de falarlle á xente nova, e alá vou.
Foi na Facultade de Económicas da Coruña, en aula espléndida, propia do primeiro mundo, e había un pracer de caras frescas diante de nós, os faladores.
Pedían falar de innovación e ataquei a inmensa parvada do “e-Todo”, dese todo que polo visto ha levar un “e” (de electronic) por diante cando debería levalo detrás, xa que en lingua latina esa é a posición normal dos cualificativos.
Díxenlles aos que queren ser emprendedores, facedores de empresa para deteren o ritmo de morte de Galicia, que o telégrafo representou nas relacións comerciais un cambio superior ao da Internet e o “modo web” con que hoxe nos tolean.
Contei por que Galicia non ten porvir, cun caso: o da rapaza que, manexando con xeito un negocio familiar, é obrigada a “facer oposicións para a Xunta”; e advertín do maior perigo da universidade, da que deberían saír os innovadores: a asnificación profunda.
O bacharelato entréganolos na máis dolorosa das ignorancias…
Se cadra, tomaron a esaxeración o dito; pero nin eu imaxinaba o que me ía acontecer á tarde, nunha aula próxima: encontrei varios alumnos que non sabían definir seno, coseno e tanxente; nin os seus valores correspondentes a 0, 45 e 90 graos.
En fin: malamente imos innovar así nunha sociedade tecnoloxizada.
Sen matemáticas básicas só nos espera o fracaso.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/11/2000]

Share

Deixar unha resposta