Deputacións (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/11/2000)

Hai moito que non oíra tanto de política española nun salto a fóra de España. Pero, como me dixo un compañeiro de viaxe: “Isto de Bruxelas hoxe é como o de Madrid antes”.
Certamente, a capital da Unión Europea está chea de españois: emigrantes, funcionarios, turistas, buscadores de negocios, políticos á procura de contactos …
O asunto é que, se unha noite escoitei rexouba próxima sobre as posibilidades de reinstaurar a república en España, outra fin de velada serviume para sintonizar con emisións de exercentes en política que non han de gustar moito aos colegas das aldeas provinciais e afastadas do poder verdadeiro.
A teoría que daban un veciños de cervexa era que, pasada a crise do euro, a consolidación da Unión é imparable; polo que vai xurdir unha Europa das rexións (nacións ou non) que demanda a cesión de poderes por parte dos estados tradicionais, a favor do novo sistema superior da comunidade e a favor das rexións que Bruxelas vai tutelar.
Pero –aseguraban os bebedores de louro líquido espumante– no caso español hai outras institucións que van ter que “ceder lastre” ata desapareceren: as deputacións.
Dicían que só serven para pagaren soldos a uns funcionarios máis poderosos cós políticos que, teoricamente, mandan neles.
As deputacións, redondeaban, están condenadas ao esquecemento, polo que xa se lles está a preparar o enterro.
O “malo” seica é que “algún parvo porfiou por metelas na Constitución”. E, como aparecen mencionadas na Carta Magna van estar duras de esganar…
¡Que cousas se escoitan!

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*