Republicanos (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/11/2000)

O día finda cunha canseira grande, de bourear nunha cidade tan pouco saborosa coma a pota de mexillóns con verduras que se empeña en ofrecer aos visitantes.
O restaurante da cea é unha pequena babel. Óense neerlandés, francés, grego, maxiar, inglés, alemán, xaponés, galego e castelán.
En castelán falan uns que han de ser políticos dos que entran nos escritorios do funcionariado europeo. Políticos con mando, con acentos varios; e, polo fraseado, de diversos partidos.
A conversa –oída sobre a da propia mesa– iníciase coa “lei da patada na porta”, pasa “pola invasión africana” (un dos comensais asegura que a metade dos nenos que nacen en Bélxica será musulmán) e segue polas monarquías europeas.
Nun intre crúzanse frases rápidas, que mencionan as eleccións norteamericanas, o presidencialismo, o federalismo… para volver a España coa cuestión da república.
Eses homes falan con seguridade abraiante. Din que a casa real “civil, que aínda hai a militar” custa 3.500 millós de pesetas ao ano. Que o equivalente para unha presidencia de república sería moito menos. Que non é o momento, pero nas mentes de moitos está “dar o paso sen causar traumas”. E deseñan un sistema republicano con presidente responsable da política exterior votado cada seis anos.
Chove friamente na capital da Unión Europea e a un dálle por cavilar que o posto de presidente da república española debe ser unha tentación para moitos políticos, que verán no fin da monarquía un xeito de repartir, democraticamente, o acceso á xefatura do estado.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*