A cota (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/11/2000)

O fillo de Isabel de Portugal, emperatriz belísima, é recordado en terras flamengas pola súa “intolerancia”. A Praza Real de Bruxelas lembra a súa dureza de corazón para a nobreza da terra.
Filipe II foi un tipo desconfiado, emperador das Hespañas e das Américas (e das Áfricas e as Asias conquistadas polos seus súbditos portugueses) que non deu respiro nin aos protestantes da Europa nin aos musulmáns de España…
Non lonxe da placa que conmemora a morte dos nobres, hai unha cervexería memorable, De Golden Boot. Nela, vendo a chuvia iluminada sobre o corazón da Unión Europea, quen poña oído e entenda o galego pode escoitar que cómpre un reparto da cota láctea entre os gandeiros medianos –nin cunha ducia nin con dous centos de vacas.
E tamén escoitará no que consiste o verdadeiro problema das vacas tolas que tolea ao señor Chirac: caeron as vendas de vacún en Francia vertixinosamente, e caen menos, pero caen, en toda a Unión.
Ata aí, xa se sabe. Pero o que non se deduce, se non se está no miolo da cuestión, é que cada país dos quince anda a pechar as portas do veciño por sospeitas de contaminación, cando o que agacha é vontade de axudar os seus gandeiros a venderen o producto da terra.
E iso é o fin da Unión, e a chave para entendermos a desconfianza no euro:
Porque, con tanto promover a sociedade da información, esquécese que o primeiro é comermos, enchermos o bandullo; e que sobre o benestar da alimentación descansa a economía de veras.
Non sobre a inmaterialidade comunicativa das páxinas web.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*