Bruxas (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/11/2000)

De Bruxelas a Bruxas hai unha horiña de tren, vendo campos pequenos e alagados, con vacas de cu gordo. O conductor fala francés e flamengo ata a unha estación calquera. E, a partir de aí, só a lingua de Flandres.
Bruxas é unha beleza de mundiño europeo, que cheira a antigüidade. Chove mansamente e rebrillan os tixolos das paredes e os lastros das rúas. Unha selección de turistas, na que mandan xaponeses e británicos, camiña ollando monumentos e escaparates.
O gótico manda nas mostras desproporcionadas, en dimensións, do que debeu ser unha cidade poderosa pero pequena. E non fica dúbida de que “quen tivo, retivo” porque agora pode vivir de mostralas.
Pódese ver tanta beleza en coche de cabalos ou en lancha, porque esta Bruggen é unha pequena Venecia, sen sol e sen cheirumes, toda chea de canais e pontes.
Os coches levan rodas de goma e un interesante receptáculo no que estercan trotóns franceses de moito brío. Ás rédeas van cocheiros multilingües que, coa súa voz, han de superar o barullo dos cascos…
Todo o visto resulta belo, polo coidado, desde o chan aos dourados e os vidros coloridos que engalanan as fachadas. As pezas de encaixe son unha tentación e falan dun marketing vello, propio de pobos vendedores coma o dos Países Baixos.
Na despedida de Bruxas, a mente vaise cara a un personaxe que quixo facer a Europa Unida, e fallou por culpa da relixión: Carlos I de España e V de Alemaña.
Se o marido de Isabel de Portugal chega a aceptar o luteranismo, ¿como sería hoxe o noso mundo desde Lisboa a Viena?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/11/2000]

Share

Deixar unha resposta