Little Africa (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/11/2000)

Bruxelas anúnciase como “o corazón da Europa”, pero o viaxeiro logo comeza a dubidar do que ve e sente. Porque a capital de Unión Europea non é unha máis das grandes capitais do Vello Continente, enormes bolsas de humanidade onde de todo se mostra. Non. Bruxelas é outra cousa:
Polo hotel transitan unha mulleres envoltas en longas vestiduras negras que só lles deixan ver o rostro. Camiñan detrás dos seus homes, caladamente; e, se falan entre elas, fano en árabe.
As camareiras, vestidas europeamente, falando francés, mostran na cara tons mediterráneos que logo confirman: son alxerianas. O conserxe é congolés; o mozo da porta, marroquí.
As rúas están cheas de mulleres totalmente cubertas, coma as monxas máis antigas da nosa civilización, que tamén avanzan a uns pasos tras dos seus maridos, arrastrando fillos e ventres avultados.
Unha negritude lustrosa, de distintas razas, enche as rúas de movemento e falas; dálles unha vivacidade que contrasta co comportamento mortizo dos belgas pálidos e apesarados polo seu ceo de chumbo claro.
Os camareiros do restaurante diríxense en italiano aos clientes que falan algo latino e descoñecido para eles. Un, máis atrevido, fala castelán de Andalucía para anunciar que ten pasaporte español aínda sendo de “raza marroquí”, e trata con displicencia aos seus colegas porque non puideron, coma el, criarse nos arrabaldes de Ceuta.
Un grupo de americanos come e comenta. Como se ninguén fóra da súa mesa fose entender o que latrican, un deles sintetiza: “This is a little Africa”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*