Vacas tolas (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/11/2000)

Pouco estiven no impaís dos meus fillos. Día e medio ás presas, e, de novo, a voar. Pero agora con día espléndido, que permite ver xeografías de interese, como a da Chaira, onde se debeu montar o único e ben comunicado aeroporto de Galicia.
Escribo a sobrevoar a beleza pintoresca, branca sobre gris, dos Picos de Europa. Ao fondo, o Cantábrico azulón, en calma…
Viaxar e ver. Antonte falabamos en Barcelona de se debe –ou non– existir o escritor profesional; e alguén que trata literatos aseguraba que o de narrar é accesorio. Que primeiramente é a vivencia. Porque, se non, o escrito non ten substancia.
E remoio niso agora, segundo o avión vira para o Leste (de novo, cara a Barcelona), porque estou a escoitar unha conversa entre dous homes que saben o que din, ambos enxeñeiros agrónomos, fartos de coñeceren a profesión.
Vivir para saber, e para participar do que outros saben: din eles que o problema das vacas tolas é algo no que os científicos de veras non queren entrar, por medo a enfrontaren a opinión da masa, e a presión dos demagogos. A enfermidade pode ser tan vella como se imaxine e tal vez cumpriría evitar un “terrorismo alimentario” que vai ser malo para toda a sociedade.
¿Que pasou co asunto? Que a Mai Natura atopa sempre un camiño para reconverter a materia orgánica, e que os humanos non sabemos dabondo para evitarmos reconversións perigosas.
O mal que aterroriza Europa ha de servir de aviso para os que se empeñan en reciclar todo.
Sería mellor queimar, que o lume sempre purificou.
Avisan os técnicos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*