Sobre o apelido Folla, “follar” e foder

Curiosa combinación de apelidos

Vendo que neste momento hai 1.850 “impresións” suxeridas polo meu chío <<Lingua en disolución: xente co apelido Folla múdao. Pensan en hispanomadrileñata. “Follar” non significaba nada en Galicia. “Foder”, moito.>>, procedo a comentar sobre o apelido Folla, “follar” e foder; e parto da mortuoria dun señor que tería provocado continuos ataques de hilaridade se vivise en Madrid desde hai moito ou na desgrazada Galicia dos nosos días, impaís no que se perdeu a conciencia do propio e, entragada a xente a unha cultura allea, por vergoña chega ao absurdo maior de mudar de apelido.

A sorte do defunto que poño por exemplo -e que gloria haxa- foi que pasou a vida de emigrante nun país onde a foder se lle di coger e culear. E tería a mesma sorte vivindo en Galicia -de onde é orixinario o apelido- se non fose por culpa das películas do “destape español” e, despois, das liberdades verbais das cadeas de radio e televisión que todo cocen en Madrid.Elas foron as que nos transmitiron o follar, que provén do castelán  fuelle segundo Corominas.

Podo recordar perfectamente todas as pillerías que escoitei desde a primaria ata a fin do bacharelato, período da miña vida transcorrido na Ferrolterra. Afirmo logo que, desde hai 63 ata hai 53 anos, para se referir ao acto sexual completo, so escoitei en galego “foder” ou “botar un canivete” e en castelán “joder” ou “echar un polvo”. Añado que foder e joder proceden do latín futuere e que, como en tantos casos do castelán, o efe inicial pasou a ache aspirado e de ahí a jota. Ou sexa: foder > hoder > joder.

Canto ao acto de mansturbación, a frase común para os ferroláns era “facer unha macaca” ou unha “pera”; menos común en galego era “palla”, cuxo superlativo era pallote. En castelán dicíase paja mais nunca pajón. E isto que conto ten que ver coas declaración dun señor artista da Coruña que mostra a súa ignorancia sobre o apelido que herdou, Folla. Metido nunha mentalidade madrileñizada, alardea de algo moi propio de machotes pois coida que quere dicir Fode. Di que lle imprime carácter… mais non o que el coida, pois en todo caso unha Hoja é un elemento xeralmente brando.

Posturas diferentes dos irmáns Folla ante

o seu dignísimo apelido vexetal galego

O dramático do caso que nos ocupa é que o Juan Folla recoñeza en público que moita xente non poida crer que se apelide así, e que os irmáns mesmo mudasen de apelido. Aínda por cima, estende a nube da ignorancia ao caso do compañeiro Pajón, de apelido moi probablemente microtoponímico.

O descoñecemento dos galegos sobre a súa identidade é unha das causas do autoodio que leva a que o Impaís sexa un triste morredoiro. Ante o cal os propios “pais da patria” non son capaces de reaxir: velaí a CRTVG enteira a pronunciar Feikhó e Rakhoi (menos cando se fala do pazo de Raxoi, ¡oh, incoherencia!).

E -xa rematando- digamos que os apelidos son fonte de infinitas sorpresas ante as cales quen os levan deben saber tomar postura. Poñamos o caso do apelido Porca, e de que unha señora se chame -por exemplo- María Porca. Aínda que na mentalidade madrileñoide Porca non soe mal, nos restos de conciencia galega da xente soa polo menos raro.

Mais é, de novo, un microtoponímico, recortado por castelanización. Os antepasados de esa suposta dona María apelidaríanse Pérez da Porca, Méndez da Porca, Míguez da Porca… Porca é unha leira á que se lle forma porca. Vén sendo un lugar sombrizo ao que se lle “engancha” a brétema (porca).

 

Share

Deixar unha resposta