Montjuïc (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/11/2000)

A mañá era incerta e o Atlántico parecía chumbo; mais, logo de hora e media de avión, o sol anilaba o Mediterráneo.
O traballo en Barcelona transcorreu fronte a unha fiestra ampla, aberta a cumes coroados por torres de telecomunicación e a vella silueta do Tibidabo.
Próximo, Montjuïc coa súa fortaleza sobranceira e, embaixo, contra a arxila cremosa do cantil, o grande cemiterio que provoca a humorada: os empregados da empresa van poder contemplar a Resurrección da Carne en directo…
Ao medio día, canseira e xantar -insipidamente, nas dificultades da cidadona dinámica, capaz de obrigar camareiros foráneos a cantaren en catalán o menú.
Xantando, máis discusión sobre o xeito de se comunicaren as empresas, ordenador a ordenador. E unha aclaración lingüística: Montjuïc pode ser, en catalán aprovenzalado, “Monte Xudeu”.
Despois, Pérez-Reverte e as novelas en servidor da interrede. Algúns comensais xa descargaron o último de Alatriste e opinan que o final é precipitado, como se o autor tivese apuro por acabar.
Loan a valentía do xesto de “saír en rede” e culpan á publicidade do sobrevalor literario desa narración.
Finalmente, coa sobremesa, as contas:
Non é cómodo ler novelas en pantalla de ordenador, polo que cómpre imprimir os textos que se ofrecen desde a rede. Cada folla pode custar unha peseta; e a tinta de imprimir, tres ou catro por páxina.
Sumando a iso o prezo da descarga (cen pesos no caso de El oro del Rey), é máis barato comprar o volume na librería.
Pero xa falta menos para o “libro electrónico”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*