Silencio de ventres (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/11/2000)

Hai días, na Coruña e na Fundación Seoane, a Caixanova convidaba a falar dous narradores de viaxes, o Chisco Fernández Naval e outro.
Noite de destempero, foi de calor humana, de moita xente, de pé, a escoitar primeiro o discurso ponderado do Chisco, que escribe e le suxestivamente, e despois as notas se cadra arroutadas do segundo narrador.
Pasaron os días e logo apareceu o comentario no correo universal e electrónico a que tantos se conectan.
O segundo interveniente na xornada viaxeira foi amoestado por ter dito que No ventre do silencio de Méndez Ferrín é ilexible por inintelixible, ou que non se debe perder o tempo lendo o Ulysses de Joyce cando se pode gozar de The Grapes of Wrath de Steinbeck.
Aínda máis, a amoestación seguía polo atrevemento de ter dito que debía existir unha censura previa, que evitase a publicación de tanta narración que non conta nada; ou que conta algo tal vez moi ben escrito pero sen coherencia e que, por tanto, espanta lectores na vez de gañalos para a causa, cando tan poucos son.
Ao amoestador do deslinguado cómpre responderlle que este -“inquisidor” (doado calificativo) para el- recoñecera en público o seu agradecemento a un editor, Víctor Freixanes, que o obrigara a redactar seis veces o texto do seu primeiro libro de viaxes.
Iso mesmo puido ter feito o editor de No ventre do silencio ata conseguir que a prosa magnífica de Mestre Ferrín se convertese nalgo dixerible…
Para censores, os editores, xa que os críticos gardan silencio co ventre agradecido.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/11/2000]

Share

Deixar unha resposta