Roubo a Verino (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/11/2000)

Hai algo que diferencia as sociedades avanzadas das atrasadas: o valor que lles conceden aos inventos. España, por culpa do que alá vai e tiña refuxio na Inquisición, viviu privada de inventar.
En España, desesperados os ilustrados polo atraso endémico das industrias, púidose chegar ao exabrupto de “que inventen ellos”. E Galicia é parte de España para todo, indubidablemente nese tipo de miserias, acentuadamente miserenta en relación a outros espacios creativos peninsulares…
Fronte a iso, e desde que (como o pouco de nación que teñen) existen os Estados Unidos, sempre se distinguiron polo seu culto á ingenuity, que nada ten que ver con inxenuidade e todo con inventiva.
Estados Unidos, Gran Bretaña, Alemaña, Francia ou Italia son países nos que tradicionalmente se pagou a capacidade de aplicar coñecementos á producción industrial. En España, non: aquí, como moito, comprábanse patentes.
Pero parecería que as cousas fosen mudar. E velaí o roubo de segredos ao Manuel Mariño que se fai chamar –italianizando– Roberto Verino.
De maneira que ese feito delictivo –se ben é un claro mal para unha empresa– debe ser tomado como un bo síntoma desde o punto de vista social. Porque, por fin, o que alguén discorreu para introducir no sistema productivo convértese en obxecto de cobiza ou en obxectivo de destrucción por parte de competidores.
Diriamos que Verín foi lugar dun acontecemento histórico, que leva a pensar nun salto cuántico; en certo modo, na saída de Galicia desa inacabable Idade Media en que vivía.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*