Prerrequisitos (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/11/2000)

Algunha vez teño comentado a precisión e a sorna con que meu pai pronunciaba a frase “Estaba previsto” en referencia a múltiples desastres, ou ás maneiras de saír deles.
Vén isto a conto polo que acontece na Escola de Deseño Industrial do campus de Ferrol: os alumnos traen coñecementos de Física “algo frouxos” e os profesores vense obrigados a daren unhas aulas gratuítas que disfrazan como “cursiño de “prerrequisitos”.
Estaba previsto que a descomposición do sistema de ensino no bacharelato había de levar a situacións de urxencia como a declarada en Ferrol.
Pero non se pense que é só nese campus e nesa escola onde os profesores universitarios sofren a incompetencia dos que os precederon na preparación dos rapaces (incompetencia ou falta de valor para se revelaren contra os planificadores da trapallada).
Quen isto escribe pódelles demostrar que en varios grupos de primeiro curso dunha facultade con nota alta de acceso non hai ninguén que saiba o resultado das raíces cadradas cotiás, nin dos logaritmos básicos; nin é capaz de entender o significado do valor cero dunha derivada…
E, como din os profesores do campus ferrolán, aínda fican por ver os resultados da LOXSE asnificadora.
Dentro duns anos -poucos- estaremos volvendo a aqueles cursos selectivos que foran desaparecendo do panorama do ensino superior en España, substituídos pola selectividade inservible.
Cando cheguen, os que agora vimos sufrindo a imposibilidade de avanzar na aula chea de ignorantes, cargados de razón diremos “Estaba previsto”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/11/2000]

Share

Deixar unha resposta