Adeus (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/11/2000)

Rolou o tempo, indiferente aos amores e os odios, e chegou o día da despedida.
O temporal sobre o Arco Ártabro estaba duro cando abrín a porta ao amigo que -sabía- non volvería ver durante moito tempo.
Buscamos recantos tranquilos polos casa e fomos falando, e bebendo: viño de Navarra con nome que suxire historias de indios bravos, gauchos, fortíns de fronteira e soldados, epopea creadora dunha nación de emigrantes.
Bebemos Malón e ficamos sos. Correron polas nosas bocas moitos nomes da historia de Galicia, que non se entende sen a extensión á súa Quinta Provincia transatlántica. Acabamos na cociña, toda branca, con pan e queixo; e dúas testemuñas importantes do que alí se estaba a falar: a Irene, que xa ten algún dente co que roer do que comen os maiores, e o Gurú, que devora as cascas do queixo.
Ante eles deseñouse a acabación dun xenio da arte metido a político, coñecido para o mundo como Castelao. E apareceron as Xuventudes Galeguistas e o pouco recordado secuestro de Otero Pedrayo en Buenos Aires. Mostraron os seus rostros verdadeiros os facedores da patria no exilio pratense. Revisouse o por que de Rodolfo Prada insistir tanto no traslado das actividades do galeguismo a Montevideo: ¿Porque a policía peronista obedecía ordes do franquismo?
Con dúbidas por resolver foi o adeus, nena e can xa ao cargo da dona da casa.
Fóra, o vendaval. Aperta de personaxes dunha bela historia de sintonía e amizade. E a imaxe do Cholo Rei no taxi, a través do vidro mollado, acenando adeus co paraugas…
Ata logo, irmán.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*