Anécdotas (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/11/2000)

Vivir para ver. Cada viaxe ten as súas anécdotas. E do último salto ao Porto pódese salientar o acontecido nun restaurante e nun hotel.
O restaurante, de nome francés, está xusto á beiriña do río, que flúe manso na noite, deixando reflectir as luces das poboacións a ambas as marxes. Nunha penumbra misteriosa e nocturna érguese a ponte que proxectou o gabinete de Eiffel. As barcas aboian en silencio.
O local foi cocheira, levantada con bóvedas de granito rexo. As paredes son de pedras tomadas con argamasa, que deixa espacios dabondo coma para introducir dedos de persoa.
En fronte da mesa hai un cadro en que se dan dez regras para a harmonía no traballo (das cales, a principal é que o patrón sempre está no certo).
O viño é unha marabilla (pagable) da Bairrada. O peixe, excelente. E o ratiño, unha diversión.
Si, porque hai un rato pequerrecho que se oculta tras do cadro. Sae, mira con ollos coma cabezas de alfinete e vólvese agachar. O camareiro non se atreve a achegarse ao cadro.
Ten medo do mínimo roedor…
No hotel hai un grupo de matrimonios ianquis e católicos, que viaxan de Nova York directamente ao Porto e, desde alí, visitan Compostela.
Á hora da retirada, o viaxeiro que vén de Galicia contempla algo memorable:
Un cabaleiro a saír do cuarto cara ao corredor só coa camisa do pixama posta e o membro viril fláccido na man, en actitude claramente micciatoria.
Está visto que cadaquén dorme coa roupa que lle peta. E cómpre aclarar que nese hotel as portas do corredor e do escusado de cada cuarto están xuntas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*