Portu Calae (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/11/2000)

Porto é a outra grande capital portuguesa, a orixe de todo, o Portu Calae de onde a nación tomou nome. A do “Norte” dirixe a rexión en que se concentran metade do pobo e máis da metade do producto interno bruto de Portugal.
Porto é nestes días unha cidade infernal, esburacada, rebentada por culpa do “metro ligeiro”, na que conducir mentres diluvia é temeridade.
Unha xuntanza de galegos e portugalegos ten lugar en casa solemne, con bandeiras, auga mineral, algo de tabaco e liñas de actuación que pasan por Bruxelas, Madrid e Lisboa.
Estase a construír a Europa na que volven ao seu as vellas rexións divididas por fronteiras irracionais.
O aumento da venda de productos galegos ao norte de Portugal no último ano foi máis do 25%, e segue. Como crecen as exportacións da Galiza portuguesa á Galicia española.
O proceso albíscase imparable, porque está a intervir nel a forza do social, empurrando. O Miño non separa senón que xunta comunidades. De Salvaterra a Monção hai só unha pontiña. E pontes entre as outras vilas das ribeiras…
O Porto, das industrias e a sona do viño (que se elabora á outra banda do río Douro), sabe que será a capital das Gallaecias unidas e xa pensa en como proxectar a eurorrexión ao exterior.
Os actores da socio-economía portuguesa do norte ven tan clara a identidade que non consideran “saída ao estrangeiro” a estancia de bolseiros en empresas e institucións da autonómica Galicia.
Sen embargo, en Galicia, Madrid ou Bilbao aínda se ven máis “fóra” ca Porto: erro de visión que caro se pagará.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/11/2000]

Share

Deixar unha resposta