Big Brother (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/11/2000)

Pasaron os días pero aínda vibra a memoria. Foi en luns de chuvia a arroiar. En canto a desgracia acontecía en Madrid, quen isto escribe preparaba na Coruña documentos para sucesivas xuntanzas en Braga e o Porto.
Nada máis entrar no coche, a radio transmitiu incertezas envoltas en lapas, de vehículos a arder, de corpos calcinados, de xentes feridas, aparvadas pola explosión:
Brutalidade estourante, provocada por criaturas perdedoras, incapaces de faceren triunfar a súa causa cos instrumentos da discusión e os votos.
Chovía na autoestrada, cada vez máis, e fóronse sabendo nomes da traxedia. Un deles, repetido na Ferrolterra, Querol
Da Gallaecia Lucense á Bracarense non muda a paisaxe, nin a construcción popular. Só mudan a ortografía e as formas das igrexas: ao sur do Miño escríbese portugués normativo, do que nunca renegaron nin bispos nin cregos…
Braga é cidade eclesiástica, competidora de Compostela. Pero, tamén, un mundo industrial.
A chuvia varre a avenida que leva ao centro de transferencia tecnolóxica da cidade das procesións, que acolle o primeiro encontro de traballo.
Sen que falte tempo para a rexouba:
Portugal está galvanizado co Big Brother (o Grande Irmão) televisivo. O país dos tres efes (Fútbol, Fátima, Fado) é capaz de interromper a transmisión das eleccións no Benfica para dar en directo o acto de amor carnal entre concursantes encerrados.
Portugal é tan imbécil coma España. Pero quizais pague a pena facerse portugués, porque ata terra miñota non chegan as ondas explosivas do País Vasco.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*