Bo proveito (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/11/2000)

O pasado sábado fiquei co amigo patagónico e coruñés Cholo Rei para falarmos longamente na miña casa, o cal (segundo obriga de membro da Irmandade dos Vinhos Galegos) me condicionaba a ter caldos de respecto.
Tendo na adeguiña caseira uns deliciosos Liñar de Vides e Terras Gauda, brancos como se sabe, decidín completar con tintos a selección.
Á procura deles atravesei a Cubeliña (que Velázquez y Velázquez, fixo nomear de González Dopeso). Recollín os xornais no quiosco e entrei en El Corte Inglés; baixei ao supermercado e alí, coas noticias baixo o brazo, tomei unha cesta de carga e dirixinme aos andeis de viños diferentes dos arquicoñecidos rioxas.
Dada a miña dobre nacionalidade (a Mancha e Galicia, “territorios” en versión velazquiana, que xa existían antes de ser España nación), escollín do melloriño que dan as terras secas onde abrín os ollos á luz.
Enchín a cesta coa escolla e, orgulloso dela, fun pagar. Paguei, metín as botellas en dúas bolsas, armei un pequeno enguedello con elas e os xornais e marchei, pensando na exclusividade do castelán nos altofalantes de El Corte Inglés, do que teño advertido varias veces ao Pati Blanco, cordial encargado das relacións públicas do negocio.
E de socato volvín da abstracción á realidade: deixara no supermercado unha bolsa con dúas botellas de zume manchego avellado en pipo de carballo.
Dei volta, reclamei e non houbo caso. Amablemente, a caixeira tomou o meu número de teléfono “por se mas veñen devolver”.
Ata hoxe…
En fin: viva o viño, viva a Mancha e bo proveito.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*