Debuxos (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/11/2000)

Siro López anda de exposicións por Ferrol.
Como diría Carlos Casares, hai artistas que manteñen no seu traxecto productivo unha “calidade media alta”: ou sexa, cun alto valor medio ao longo da súa carreira.
Como din os meus colegas da Irmandade dos Vinhos Galegos, sábese que alguén elabora con acerto cando mantén a calidade en máis de cincocentas mil botellas de sucesivas colleitas.
A partir dos enunciados previos, poderiamos dicir que Siro é un traballador, fura-fura, zóscalle-zóscalle, que produciu moito e, a falta de netos (que non lle virían mal), ten obra de bo tamaño con multitude de acertos.
Un deles é o de usar a caricatura de quen isto escribe como mostra de face sen ollos; ou, aínda máis, cualificar (e demostrar graficamente) que o nariz do vaidoso é talmente un bico de pato – cualificación que enfadaba á Herminia, criada que me criou e que ben coñeceu aquel rapaciño alto, delgado e curvado que traballaba na Bazán e de todo facía debuxos…
É pena que as editoriais de diarios non funcionen como as de libros. Que esixan exclusividade a punto do ridículo, cando os escritores tentan satisfacer as peticións dos editores de textos voluminosos sen grandes liortas.
Dígoo porque me gustaría volver ao pasado xunto do Siro, cóbado con cóbado, e facermos para os xornais crónicas coma aquelas en que comezamos a mostrar habelencias en El Ideal Gallego hai case trinta anos.
Agora non se trataría de viaxiñas por Suíza, senón doutras visións do mundo que foi medrando e facéndose vello connosco…
Parabéns, compañeiro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/11/2000]

Share

Deixar unha resposta