Mesa e Bloque (A voapluma, Diario de Ferrol, 31/10/2000)

O Supremo e Eterno Rexedor, don Francisco de Velázquez y Velázquez, é un personaxe admirable: poucos na Historia do Impaís terán cumprido tan acertadamente coa súa función.
Sábese demagogo e como tal actúa. Prega a causa e consegue que a onda de presión da súa voz profundamente galega sexa amplificada polos medios da modernidade e chegue a onde nin al propio imaxina.
Este día deu lección nunha emisora que lle cede os micrófonos para el espallar a idea delirante de que a Mesa pola Normalización Lingüística desenvolve -máis ou menos- o labor daquela Sección Femenina que exhibía pancartas esixindo “Poned en vuestras cartas El Ferrol del Caudillo”.
Velázquez di que a Mesa é “de Imposición Lingüística” e un instrumento do Bloque…
Ben, Ilustre Demagogo: saiba que son moitos a apoiaren as accións da Mesa sen pertenceren ao Bloque, nin a ningún outro partido político -precisamente por evitaren as incoherencias en que a Vosa Españoleira Señoría cae a cotío sendo membro do PSOE galego.
Saiba que a Mesa non impón, porque nin quere nin lle deixaría o sistema antigaleguista en que vostede medra coa arte de estupidificar o pobo.
A Mesa suxire, abre camiños; e aínda lle fican moitos por percorrer.
Por exemplo, en canto se compoñen os diccionarios de topónimos e apelidos de Galicia (rica síntese cultural deste pobo moribundo), ben podería editar listas de nomes de familia a corrixir.
Así, se cadra, algún destacado membro do Bloque que os mantén gratuitamente castelanizados se decataría da súa pública contradicción.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 31/10/2000]

Share

Deixar unha resposta