A solución (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/10/2000)

Cidade leda e confiada, a Coruña en fin de semana serve para vagar, beber e falar —mesmo do pasado cun 20 de novembro e un 23 de febreiro.
Nese 20 de novembro a Coruña viviu as angustias do pasamento como cada recanto da España cansa de dictadura.
No 23 de febreiro mandaba na Coruña Domingos Merino, o único alcalde nacionalista que tivo a cidade, antes de se sumir para sempre no antigaleguismo reaccionario.
Entre viños fálase diso, sae o nome de César Pintos; e, cando a conversa deriva por amarguras, decídese tomar rumbos diferentes.
Alguén fala da Vilapodre; e un ferrolán presente retruca co dos “cascarilleiros”.
Finalmente atácase un problema fundamental para a humanidade, algo que supera a caída do euro e a oferta iraquí de vender petróleo en moeda comunitaria e degradada: o da estatua de Franco, que a Pilar García Negro propón trocar por obras de arte desaparecidas.
A solución —conclúese no bar O Pallote— non está niso senón no estacionamento subterráneo da praza de España de Ferrol:
Se a Bazán, que fabricou o ecuestre monumento ao caudillo invicto, é capaz de construír complicados ascensores para os avións dos porta-aeronaves, ben podía facer outro tanto na praza onde se ergue o famoso recordatorio en bronce.
Normalmente, a estatua permanecería oculta, salvo os 20 de novembro, en que xurdiría das entrañas da terra para satisfacción dos seus devotos.
A non ser que eses devotos estivesen dispostos a pagaren polo show.
Sería, como din os finos, un pay-per-view: turismo visual con ingresos para o concello.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/10/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*