Cara ao sur (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/10/2000)

“Yo tengo el corazón mirando al sur” di un tango lindo e melancólico que trae lembranzas de Buenos Aires en xullo, con chuvia invernal.
Mirando ao sur, Galicia recibiu un presidente arxentino de raíz galega. O Impaís desangrado por pampas húmidas e secas mesetas patagónicas olla cara ao sur non só polos intereses pesqueiros senón por máis cordiais intereses:
Váiase a calquera concentración de galegos –festiva ou laboral– e pregúntese cantos teñen o corazón –e a familia– alá. Case todos han erguer o brazo…
Arxentina, terras amadas:
Unha muller emigrante de cativa, que retornou e aquí ten un bo pasar, confesa a súa vontade de volver aos pagos do máis risoño da vida; dos que fuxira por mor da represión política e a eterna crise económica. “Malia a miseria moral da Arxentina –di–, a xente segue alí moi viva”.
Dous homes de negocios falan do difícil que é facelos alá, da inesgotable fonte de irregularidades en que todo se desenvolve nunha república na que é celebrado como “vivo” quen abusa e malversa. Pero os dous recoñecen que darían canto non teñen por poderen vivir entre este norte e aquel sur, ás metades.
A Arxentina resiste como se fose de quebracho, madeira que nada quebra.
Aínda que a nación estea quebrada:
Un vellote retornado di que aquilo vai mal, sen remedio, porque os “hoteles-alojamiento” xa non teñen clientes.
Eses hoteis son recantos de amor por horas, de entrar e saír discretamente, unha institución nacional.
Coñecendo os arxentinos, custa traballo crer tal desuso.
Todo ha ser cousa de esperar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/10/2000]

Share

Deixar unha resposta