Fría morte (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/10/2000)

Quen lea a História Trágico-Marítima dos portugueses saberá de “mares” (vagallóns) ante os cales un casco non é nada; e de infernais rochedos de naufraxio e morte.
Quen fale con mariños oirá que cando se chega á zona dos Corenta Ruxidores no Mar Austral logo se coñecen os galegos da tripulación, “porque son os que non choran”…
A Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo.
Baixo eses cantís de desaforada altura desfíxose un barquiño da baixura.
Unha desgracia máis, en choio no que os mortos –sendo máis– contan menos cós asasinados polos terroristas.
Morren sen escándalo, coa gallardía de quen preferiría non saber nadar nin ter salvavidas, para sufrir menos.
O peixe vai caro, e quéixase o pobo devorador de productos das augas. Mais non é de estrañar a falta de mocidade disposta ao embarque.
Porque ninguén quere morrer na flor da vida, mesmo coa épica do pasamento a lombos de onda.
Así é, sendo o mar fonte de recursos inesgotables cando explotados con xeito (e con respecto para quen se mete nel).
Na hora dunha cea espléndida, na calor do restaurante, tanta morte salgada e fría obriga a pensar.
E pénsase que fican dous camiños por percorrer en paralelo: dunha banda, a implantación de dispositivos de control, radiolocalización e radiocomunicación nos barcos. Doutra, o desenvolvemento de técnicas de cría de peixes e mariscos.
Nos tempos da interrede global os pescadores seguen a cazar –con rede e anzol– as súas pezas.
Quizais porque non saiban facelo doutro xeito.
Se cadra, por falta de información.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/10/2000]

Share

Deixar unha resposta