A Xosé R. Varela (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/10/2000)

Descoñecido amigo: Certo que son moitas as notas que mandan os lectores destas columnas; e que agradezo mesmo se algún aproveita para lle dar na crista ao vaidoso que se exhibe todos os días cunhas liñas.
Gracias. A túa carta telemática é a dun seguidor das miñas narracións desde a primeira, o Voltar compartido por todos como ilusión desde a diáspora, na que ti te mantés.
Tes criterio formado sobre elas, que non é o meu: as miñas favoritas son as da épica americana, de tempos e circunstancias que non puiden vivir. É clara a popularidade de A nosa cinza; pero eu quixera ser personaxe de Nos pagos de Huinca Loo
Alégrame que compartises tantas páxinas escritas roubándolle tempo ao sono; aínda que o máis substancioso da carta é o que segue:
Primeiro.— Contra o que pensa algunha vaca sagrada, a bendita interrede, mal chamada internet, non é un medio oposto á cultura, senón favorecedor, que permite o veres a cotío desde a túa reclusión catalá as páxinas de El Ideal Gallego e Diario de Ferrol.
Segundo.— Tertúlia contaba desa realidade inmediata que ti reclamas; e supoño que lerías o que escribín a voapluma sobre Agora xa foi de Araguas. Velaí o que ti esixes: relatarmos a nosa vivencia, conscientes de estarmos a converter a intrahistoria en historia.
Terceiro.— En época de plaxio, concursos: prométoche que algún día contarei, mudando nomes, o que pasou con certo orixinal… Unha confidencia de Carballo Calero (que gloria haxa) entre Santiago e Braga daría para novela exemplificante.
Tempo ao tempo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/10/2000]

Share

Deixar unha resposta