Entre bosques (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/10/2000)

Día de sol esplendoroso, de cores ocres e vermellas sobre o esmeralda dos prados. De novo, excursión por montes de Arteixo. En conversa co amigo Waldo Felípez sei de algo poético: o nome do lugar onde, hai unha semana, atopamos os cazadores de xabarís.
Aquela fronde chámase Queixeiras, e non ten relación cos derivados do leite senón cos transportes: sendo moi inclinado un vello camiño de carro con agudas rodeiras que pasa por alí, seica se queixaban os eixos…
Casualmente, por razóns de traballo en día de descanso, levo comigo o teléfono móbil. Soa e coido que vai ser a chamada que espero, para combinación con viaxe próxima. Pero a voz que escoito non é a esperada.
Fala Xosé Manuel (Cuqui) Silva:
—Estou a pasear por un bosque en Bruxelas —dime— cuns amigos e quería recordarche a data do noso encontro…
El vai por un bosque e eu por outro. O seu ceo é pálido, insípido, e o meu, azul, mariñeiro, anunciador dunhas Américas que temos sempre presentes.
Descríbolle o que vexo e déixolle oír a batida dos cascos da miña Aixa galana, sobretrotada; e os ladridos do Lolo, que chouta coma un can de circo contra o fociño do cabalo do Waldo.
A voz do Cuqui ten tons de envexa cando entramos na festa dos cogomelos da súa terra chantadina, onde andou hai pouco; e unha vez máis vén á cabeza do paseante o triste fado do Impaís que fenece.
Desaparece o pobo emigrante dos Silva, que inventou nomes como o de Queixeiras.
E pode ser substituído por inmigrantes que nunca entendan —nin respecten— os topónimos da raza vella.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/10/2000]

Share

Deixar unha resposta