Colonos (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/10/2000)

O Suso, quiosqueiro amigo, di que ás veces lle custa entender os meus artigos.
Ben. Non sei se o Suso e outros lectores amables han comprender o que segue, pero non podo deixar de escribilo:
O Ebola é un virus que mortífero. En Uganda hai un distrito que se chama Gulu, e alí está a morrer a xentiña, negra e ben feita, aos feixes.
O Ministro de Saúde de Uganda chámase Christus Kiyonga e fala un inglés ben entendible, que usa para advertir pobo e sanitarios de que non se debe nin estreitar a man dos amigos, porque mesmo na suor viaxa o virus. Por non se falar de tocar os defuntos, nos arranxos para a derradeira viaxe…
Nunca esquecerei a escena, na praza de diante dese hangar raro que en París chaman Centro Pompidou. Alí (coido que xa o contei, pero paga a pena recontalo), subido nunha escada de tesoira como fan os oradores no Hyde Park de Londres, un tipo renegro dicía que os europeos levaban catrocentos anos a amolaren os africanos na súa terra e agora os africanos ían vir amolar os europeos ata a fin do mundo.
Na BBC oín dicir a un antropólogo británico e flegmático que os colonizadores europeos deran en vacinar os africanos contra as pestes reguladoras da poboación; pero esqueceran ensinalos a producir comida dabondo.
Estes días continúa nas praias andaluzas a avalancha de “subsaharianos”, temerosos dos mares de inverno.
Suso é solteiro. Vive na Coruña. Alá na aldea, a súa mai ve que non quedan rapaces e sabe que “os negros han vir tomar conta do campo”. Han ser os novos colonos.
¿Entendeuse?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/10/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*