¡Animaliños! (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/10/2000)

Da miña nenez vén unha expresión, que relaciono cunha señora maior, e en referencia a feitos naturais que chaman a atención dos humanos.
“¡Animaliños!”, exclamaba aquela alma boa (como tal a lembro), en ton de admiración, e con vontade de loar o Altísimo pola curiosidade.
O caso é que este día, en canto lle eu escribía, estiven coidando de Irene (como o paciente lector xa sabe, a miña neta).
Ultimamente arránxome moi ben coa cativa porque ma deixan colocada nun trebello desde o que ela, a brincar, contempla a vida:
É unha pinza que se asegura sobre o tramo horizontal dos marcos das portas. Dela sae un resorte regulado do que penduran fitas que aseguran a estabilidade dunha mesiña unida a un receptáculo con furos para coar as perniñas do infante.
Alí metida, Irene chouta coma un macaco, recordando a quen a mira canta razón tiña Darwin nas súas ideas evolutivas…
Como anda un pouco rallante por culpa dos dentes, un bo remedio de avó é darlle unha galleta, na que ela roe con fruición, disposta a berrar a todo peito se alguén tenta arrincarlle o manxar das mans relambidas.
Mais depende de quen sexa o alguén, porque, na data a que me refiro, observei que o can, Gurú, espreitaba á distancia a saltona, con canina prevención por todo o que ten formas e cores rechamantes, como o enxeño xa descrito.
Ata que, aos poucos, se foi achegando á pequena, quen tirou da boca un bo anaco de galleta para llo ofrecer.
El tomouno coa lingua, como se estivese a comungar.
Nos ollos dos dous había feitizo de amor:
¡Animaliños!

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/10/2000]

Share

Deixar unha resposta