O tirabalas e os seus outros nomes

Os meus tirabalas
cof

Caros amigos: días atrás, 185 de vós gustastes do meu comentario no Facebook sobre os que foran “tirabalas” na miña nenez. Ese comentario xerou 72 novos comentarios, que moito vos agradezo. Mais o que máis agradezo foron as vosas achegas, desde Foz a Redondela e desde o Carballiño a Aguiño. Iso no Impaís Levitante que uns chaman Galicia e outros Galiza.

Ora, tamén tivemos achegas de alén do Miño e alén do Atlántico; mesmo do outro lado da Península Ibérica, da Cataluña.

Fronte ao “tirachinas” castelán, introducido polos media fabricados en Madrid, en Galicia mantéñense 10 formas para o instrumento que, como todos os aparellos, se pode usar para o ben e para o mal . Vexamos:”tirabalas, tirafondas, tirabolas, tiragomas, tiracoios/croios, cichapedras, tirapedras, tiraareas, tiratacos e tiracantos”.

Os amigos portugueses falan de “fisga”, que para eles tamén é instrumento de pesca, como o coñecemos nas costas galegas. Os brasileiros, de “bodoque”, cousa rara, que escapa ao portugués próximo a nós. Os arxentinos, chámanlle “gomera”.

Procúpame o que pasa en Cataluña. Chamouse “mandró” (ou sexa, “fonda”) e agora seica vai máis dito por un “tiratxines” perigosamente castelanizante. Teñamos en conta que os cataláns saben resistir os castelanismos pola alta estima en que teñen o seu idioma.

Listaxe de achegas
cof

O dicionario da RAG recolle “tirafondas” (dubidosamente), “tiracroios”, “tirapedras” e “tiratacos” (tampouco exactamente como o que é un tirabalas).

O dicionario de sinónimos da Universidade de Vigo, que uso para refinar as vaidades da miña prosa, recolle “tirabolas”, “tiracroios”, “cichapedras” e “tirapedras”…

Ben: señores académicos que non queren entender de redes sociais, velaquí o que lles ofrecemos desde elas. Supoño que os filólogos da UVigo, xente moderna, probablemente recollan este humilde traballo de campo que fixemos uns poucos amigos do Facebook.

Mil grazas de novo a todos os que interviñestes, e sigamos: ningún de nós escribe para si senón para os demais. Ninguén existe de verdade sen partillar. Somos pobo ou nada.

 

Share

Deixar unha resposta