O plaxio (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/10/2000)

O sistema literario en España fai auga, e foi necesario un escándalo de vulto para que as cousas se puxesen en camiño do equilibrio.
O bacharelato é un fracaso total. Canto á Literatura, os rapaces non dan aprendido a ler; non adquiren criterios; entenden que “escritor” é quen aparece con frecuencia nos medios de comunicación masivos.
Sabido isto, editores chegan a crear premios para obras precedidas da sona do autor. E, cando o tal famoso non ten orixinal que mandar a concurso, logo se lle arranxa algo…
Con concurso ou sen el, sempre ten que haber arranxo, guisado en inconfesables cociñas. Quen ha de vender porque o manda o editor conta con axudantes, desde o pinche repasador e gratuíto ata o cociñeiro a soldo.
Personaxe alleo ás escrituras ou mesmo escritor famoso polo extraliterario, quen asina o best-seller tenta ocultar o que se acaba sabendo: nomes e salarios dos axudantes…
No delirio de falsidades en que andamos chegouse a plaxiar o texto mandando a concurso por “un ninguén” para cubrir a secura productiva dunha vaca sagrada decrépita mais obrigatoriamente premiable.
“España va bien”. Non señor: mal vai cando no Instituto Cervantes aparece como grande consiliario quen vive baixo sospeita de a penas dar toque o que plaxiaron para el.
O plaxio sempre existiu: sempre houbo versións de historias coñecidas. Mais do Tribunal da Literatura só sae absolvido quen é capaz de superar co seu talento o do artista a quen copiou.
E nos últimos plaxios da literatura en castelán non se deu ese caso.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/10/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*