Cara á Meca (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/10/2000)

O amor dos homes á terra que consideran razón de patria por veces resulta patético. Quen coñeza a chamada Terra Santa hase preguntar por que israelís e palestinos poden matarse por aquel hermo bíblico…
En Galicia, nun lugar a onde non se atrevera a chegar o invasor musulmán en tempos medievais, hai días paraba unha furgoneta e dela descendían homes de oliváceo cute e barba crecida. Procuraron o verdor dun campiño, axeonlláronse face ao Leste e deitaron o torso ata tocaren coa testa e as mans na herba.
Un observador ficou con forte impresión, a se preguntar se sería a primeira vez na Historia en que fillos de terra seca e ardorosa cumprían cos preceptos do Islam nese lugar do País da Brétema. Quizais estivese a contemplar un feito histórico.
Con este comentario entrou na casa dun amigo de nación americana e relixión das que mandan circuncidar, inmigrante a este país sometido a sucesivas conversións á forza e limpezas de sangue.
O americano, que sufriu aldraxes pola súa condición relixiosa no país de orixe, e que aquí evita mostras de crenza, non gusta de veciños a oraren de cara á Meca, e comenta:
–Os estados modernos debían investir en concienciaren a xente do absurdo das relixións.
O visitante indíxena fica a cismar, e logo pensa –e cala– que detrás das grandes pelexas relixiosas sempre houbo un interese económico.
Daquela, se cadra, o que debían ensinar os estados era que, cando hai desequilibrios de teres e haberes, é cando as relixións serven de bandeira, espada e escudo nas pelexas entre pobos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/10/2000]

Share

Deixar unha resposta