Un ano (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/10/2000)

Hoxe, día encurtado, outonizo, de moitas horas de traballar para que a vida siga, viaxo de volta entre a Cabana de Ferrol e a Cubela da Coruña, como a cotío.
Auricular na orella, conducindo pola autoestrada, recibo a chamada de Xermán Castro. Tratamos dun asunto que logo han coñecer os lectores de El Ideal Gallego e Diario de Ferrol: unha bela iniciativa galeguista.
E, falando con el, decátome de que xa hai máis dun ano que estas columnas do existir a voapluma veñen aparecendo no xornal ferrolán, e logo cumprirán o ano no coruñés.
Quero agradecer á editorial destes xornais a oportunidade de ir contando o que se me pediu: unha visión de aconteceres, se cadra crítica, pero non aceda.
Minte gratuitamente o escritor que proclama escribir para si mesmo. Acerta George Orwell cando compara os vaidosos da pluma co meniño que, mantido e limpo, choriminga para chamar a atención.
Escribimos para os demais, para nos demostrarmos que estamos vivos polo que recibimos, retroalimentado, dos lectores.
Somos función dos lectores…
Pasou un ano e, desde esta atalaia de papel, lancei un discurso que molestou algunhas persoas (poucas, ás cales pido perdón), que ilusionou a outras, e que -o máis importante- a tantas daría minutos de diversión cun café, unha cervexa ou un viño.
Mil gracias ás que falaron en directo, telefonaron, escribiron por medio tradicional ou por correo electrónico.
Respondín a cantas foi necesario e conveniente. Só calei cando vin que a falta de humor levaba á ofensa.
E, con permiso dos directores, seguiremos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/10/2000]

Share

Deixar unha resposta