Toyota híbrido (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/10/2000)

Estamos en plena crise do petróleo, nun intre en que se demostra a debilidade enerxética da Europa.
Así as cousas, unha empresa xaponesa con fábricas en territorio europeo anuncia a venda dun coche que marca camiños de futuro.
Trátase do primeiro de propulsión híbrida que se comercializa a prezos pagables e con comportamentos de propulsión semellantes aos dun automóbil equipado con motor convencional.
Toyota conseguiu meter baixo o capó do seu novo modelo dous propulsores, un de gasolina e outro eléctrico, que fan mover o vehículo de maneira xeitosa, cómoda e -di quen o proba- mesmo alegre.
Alén diso tamén deu reducido o volume das baterías a punto de obter un amplo espacio de carga na traseira.
Quizais o que anime máis o conductor canso da conducción tradicional, con pedal de embrague e panca de cambios, sexa un automatismo de xestión da marcha que permite centrar o mando só no acelerador.
Toyota, como as máis das grandes do automóbil, vén observando a crise enerxética en que se mergulla a Humanidade, agudizada irremediablemente polo desenvolvemento dos países atrasados. Pero, mentres as outras inciden só no alivio de consumo dos motores típicos, a xaponesa entrou á alternativa posible na actualidade.
Din os entendidos que o futuro está nas células de hidróxeno; mais, polo momento, parecen reservadas á propulsión de vehículos tan sofisticados coma os submarinos.
De agora a que esa nova tecnoloxía sexa comercializable, esperemos que outras marcas sigan á Toyota na carreira cara a un mundo mellor.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/10/2000]

Share

Deixar unha resposta