Cadaleitos (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/10/2000)

A presencia entre nós dun coruñés que leva moitos anos a vivir na Patagonia, e que desde alá viviu as vicisitudes amargas da guerra das Malvinas, excita a memoria do autor de crónicas a voapluma.
Unha teoría que se vai confirmando plenamente é a de que os ingleses (perdón: británicos) xamais terían respondido ao alarde dos arxentinos senón fose polas seguridades que lles ofreceran os seus cousins ianquis.
Falen os interesados cos actores da traxedia (algúns, civís galegos que traballaron para as forzas armadas arxentinas) e irán sabendo…
Pero se cadra, e como o mundo é máis pequeno do que parece, non fai falta saír de Galicia para obter datos importantes:
Poida que preto de nós haxa unha testemuña clave, a dun profesional da propulsión de buques que, na altura do conflicto, se encontraba a traballar nunha fábrica de turbinas nos Estados Unidos.
Polos movementos dos seus colegas no choio comprobou que a flota da orgullosa Britannia non daba chegado ás illas do Atlántico sur; e que na da Reunión recibiu pezas de reposto e técnicos que lle puxeron en forma os propulsores: os americanos trasladaron todo en avión, sen repararen en custos.
Por unha confidencia, tamén soubo que a flota levaba catro mil cadaleitos, porque había mil arxentinos atrincheirados e o alto mando de Londres calculara catro baixas propias por cada inimigo en posición de resistir.
Seica só usaron douscentos —se cadra, como dixo aquel xeneral inglés, porque os resistentes non eran de “sangue español”.
Cousas dunha loucura chamada guerra.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/10/2000]

Share

Deixar unha resposta