Años (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/10/2000)

Cos temporais de outono, e como empuxado polo constante vento do oeste que varre as mesetas patagónicas, apareceu pola súa cidade, A Coruña, Manuel Antonio (Cholo) Rei Flórez.
Viña de Comodoro Rivadavia, cidade de aventuras, petróleo e misterios (onde se fala de que o almirante Canaris andou a preparar a segunda guerra mundial pensando nos apoios das colonias alemás naquela fin de mundo).
Encontrámonos na Coruña e non tardamos en ir a Ferrol, a mirarmos o que fica da casa natal do heroe anarquista Antonio Soto.
Falamos. Contou o Cholo que agora todos os arxentinos queren ser gayegos, que buscan un abuelito con apelido acabado en ez para obteren o pasaporte da Unión Europea.
E contou doutro amigo, o Ramón (Moncho) Aguiño, enxeñeiro petroleiro, do Grove, que asegura haber algo de gas en Galicia, pero sabendo buscalo.
Disque o Moncho viaxaba das pampas á Patagonia e foi sorprendido pola nevazón. E alá ficou, catro días nun refuxio, en espera de que o temporal amainase.
Neses días de folerpas e vento, coincidentes co tempo da parición da ovella, morreron -nun primeiro cálculo- un millón de años só nas provincias de Chubut e Santa Cruz…
Diso falaron o Cholo e o Moncho cando se atoparon. E eu non puiden deixar de engadir que cun millón de años saciaríase a fame de moitos millóns de israelís e palestinos que se están a matar.
En tempo de odio e guerra no Oriente Próximo, de novo asalta o enigma do Plan Andinia: a retirada final do pobo hebreo para os inmensos baleiros da última fronteira americana.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/10/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*