Cincuenta anos (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/10/2000)

Santiago de Compostela, 10 de outubro do 2000. Sobre a cidade pétrea cae un orballo groso, mollador.
No Hórreo, o goberno relata as súas consecucións. A oposición atácao. Pasa o día, en toda Galicia morren ducias de vellos paisanos e nacen poucos nenos, aos que os pais lles negarán a fala.
No caer da tarde, damas e cabaleiros entran a San Domingos de Bonaval: na igrexa gótica, estragada por furias barrocas, a Editorial Galaxia reúne devotos e homenaxeados.
Falan Villalaín, Casares, Sánchez Bugallo e Isla Couto, rodeados de mortos (a igrexa é un panteón), como lembra o alcalde. Pero Galaxia é vida. Cincuenta anos de resistir. A España dos madrileños é mala para Galicia. No ano 50, os de Madrid dicían que Ramón Piñeiro escribía “con faltas de ortografía” porque o facía en “dialecto”…
En Raxoi preséntase o “portal de Internet” do Consello da Cultura Galega, con ortografía foneticista nos textos.
Segue a chover no Obradoiro en canto se mostra un resumo da inesgotable cultura dun pobo que morre por falta de xente e consciencia; pero que tivo moita xente creadora.
O portal é un acerto na realización. Mesmo demostra que non todo se inventa en inglés, porque ofrece o concepto novo dos “soportais”.
Chove arremuiñadamente. Nun restaurante da Rúa das Carretas —con menú en galego— xúntanse xornalistas, enxeñeiros e humanistas. Falan de productos de cultura para a interrede universal.
Galicia para o mundo, 50 anos despois do acto de fundación de Galaxia. Gloria haxan os seus fundadores: a eles débese ese portal.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/10/2000]

Share

Deixar unha resposta