Vandalismo (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/10/2000)

Día gris, festivo. A rúa amañece pesadamente quieta. Nela atopo un dos meus fillos, apesadumado, porque se lle estragou a xornada.
O rapaz mora nun barrio coruñés, Matogrande, onde non hai apertos para estacionar os coches. E ata hoxe deixaba o seu a “durmir fóra”.
Pero xa pensa en alugar garaxe:
O caso é que, cando se dirixía coa súa familia a calquera excursión, viu que lle romperan o espello retrovisor do lado esquerdo. Non fora de batida fortuíta, se cadra con retrovisor dun vehículo de grande tamaño. Non houbera vulgar accidente de tránsito senón que alguén se puxera de pé sobre o dispositivo, por demais complicado, con motoriños para orientar o reflectante cun mando interno.
Era día santo e non sabía a quen recorrer; e non podía circular sen infrinxir a lei…
Consoleino como puiden, seguín o meu paseo. E logo lembraba outro caso:
Hai anos morabamos na rúa máis ferrolá da Coruña, Marqués de Amboage, xunto do colexio Concepción Arenal. Daquela, fronte a unha igrexa e unha central telefónica, o lugar non tiña o menor problema de estacionamento.
Unha tarde fun facer a avaliación do meu coche, para cambialo. Axustei prezo e durmín convencido do bo negocio que ía facer.
A sorpresa amarga chegou na mañá seguinte: uns rapaces prenderan lume a un contedor de lixo, o lume pasara aos coches contiguos. Un deles era o meu.
Nesa noite perdín a diferencia entre o valor axustado e o venal, que pagaría o seguro.
Desde entón maldigo a inmensa estupidez do vandalismo, que non aproveita nin a quen o practica.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/10/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*