O Jarama (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/10/2000)

Repaso probas dunha reedición, a de Fábula, novela que hai vinte anos recibiu o premio Cidade da Coruña.
Reviso, ao tempo, declaracións de combatentes na fronte do Ebro, con detalles que superan canto Spielberg imaxinou para o seu soldado Ryan.
Releo The armed rehearsal, novela de Peter Elstob, con capa sobre base dunha foto: vagón de tren pintarraxado, CNT = FAI, VIVA LA FAI
Repaso, reviso e releo e sinto pena do que aquí se anda a vender como grandes historias de amor e guerra, contadas —se cadra— primeiramente en galego e despois en castelán.
A seguir pido desculpas pola fraude en que participei como narrador; por non ter vivido o narrado acerca da guerra civil; por pertencer á xeración ponte entre os homes que no 36 se embarcaran en aventuras de bomba, bala e morte e os rapaciños asustados que hoxe non queren facer a mili.
Fábula, coma as demais que fomos escribindo, é filla do escoitado, do visto en fotos e películas. Non naceu de vivir.
The armed rehearsal (O ensaio con armas) ten como base a vivencia, e logo se nota. Elstob, como os vellos que me falan das trincheiras ateigadas de cadáveres no Ebro, sabe do cheiro a carne viva, a carne morta hai pouco tempo e a carne podre de hai moito.
Peter Elstob dá unha versión inédita da batalla do Jarama: a dos británicos que estaban nun bando —coa Lexión— e noutro —nas brigadas internacionais.
Como bo autor de novelas, consegue que o lector tome partido; pero non polas ideas dos personaxes, senón por eles mesmos.
Pena que só se poida ler en inglés.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/10/2000]

Share

Deixar unha resposta