Traducións (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/10/2000)

Compostela invadida de portugueses, porque alá embaixo houbo “feriado” e fixeron ponte festiva. En Compostela, hai convocatoria de xuntanza no Consello da Cultura Galega.
É para se falar de luz, porque hai 150 anos, case, un científico iluminou unha igrexa cun arco voltaico.
Manuel Bermejo trae proxecto con frase iluminadora, “A noite está varrida da Terra”, que puido pronunciar un cóengo ao contemplar aquel prodixio eléctrico. Seica tal conta Cotarelo, en A noite estrelecida.
Tamén trae a edición facsimilar dun volume da biblioteca da universidade vella de Galicia, que xa fixo os cincocentos anos. É de Athanasius Kircher, o xesuíta alemán do século XVII que se meteu en case todos os saberes. Titúlase Lucis et Umbrae (Da luz e da sombra) e trata da óptica…
Fóra dos puntos da orde, a conversa ten meandros. Un deles é polos ríos da tradución. Carlos Pajares describe dúas xoias de erros. Unha de tomo científico; outra de libro menor.
No primeiro, un profesor español teoriza sobre o átomo, e traduce como pode. Beam é palabra inglesa que pode significar “raio”, “feixe” e “viga”. O autor prefire facer do neutron beam algo solidísimo: “viga de neutrones”.
No segundo, o tradutor, desde o francés, confunde ancre, “áncora”, con encre, “tinta”. Resulta logo que un bateau bota a tinta, non a áncora. E, como a cousa pode parecer estraña, pon unha nota ao pé da páxina advertindo que “daquela os barcos levaban moita tinta, da que se desfacían ao chegaren ao ancoradoiro”.
Como din os portugueses, “a coisa tem piada”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/10/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*