“La imposición” (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/10/2000)

O argumento é: “Aquí en La Coruña siempre se habló castellano”; ou “Ferrol es donde se habla mejor el castellano de Galicia”. Alguén podería pensar que o feito de que o galego só sobreviva fantasmalmente nos burgos do Impaís débese a que os inmigrantes somos maioría neles.
Pero non. Abonda con revisar as guías de teléfono. Mesmo don Francisco I o Bilingüe non se chama Velázquez y Velázquez, dúas veces descendente de Velasco, senón Vázquez ambas. Ou sexa, de Vasco, versión galega do nome.
Aquí o castelán foi imposto, malia o cal pervive o galego. Amor, o do obelisco lacoruñesista, non se fai chamar Antoñico senón Tonecho; e dirá frases como “no doy hecho” ou “de aquella”.
“La imposición” non sería tal se os galegos -non só os coruñeses- tivesen consciencia do seu pasado e do seu futuro: ao romance ibérico occidental pertencen os apelidos (malia as deformacións: Mosquera, Losada, Giadanes…) que os marcan a lume, e o 55% do producto interno bruto de Portugal concéntrase no “Norte” monolingüe e veciño, con capital no Porto e os ollos no mundo.
En todas as familias galegas houbo un momento de corte, unha xeración na que se deixou de falar galego, como acontece en calquera sistema colonial (véxanse Irlanda, Bretaña, etcétera).
E foi por imposición: do crego, do mestre, do médico, do avogado…, aos que xa educaran en castelán.
Imposición foi a da Igrexa, que castigaba os seminaristas pillados en falta, a se entenderen en fala propia durante os recreos.
Esa foi “la imposición” e non a do Tribunal Supremo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/10/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*