Transcantábrica (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/10/2000)

Onte fun a Viveiro. A brétema asaltoume en Vilalba e perseguiume ata Ourol. A viaxe foi penosa, moi perigosa.
Na Gañidoira, canso de ollar e non ver, parei. O vento facía traballar a enormidade dos xeradores eólicos, aspas brancas a xiraren, esgazando o algodón livián das nubes.
Logo do descanso, case onírico, máis volante. Máis tensión. Máis medo. En Leganitos, un susto: cabalos bravos a cruzaren o asfalto. Con total indiferencia, unha egua estercou, quizais para ensinar o seu poldro no desprezo polos humanos e os seus vehículos barullentos.
Hoxe estou en Bilbao. Vin en avión desde Santiago, nun aparello con turbohélices que voa baixo; tanto que se poden ver coches e camións ao longo da autoestrada do Cantábrico, incompleta, morta nas Asturias veciñas.
Bilbao, ao Leste, é disforme, enfeluxado. Prefiro (perdón, amigos desta terra de pouco sol e menos viño) os camiños do Sur; pero Galicia tamén é norte. O Arco Ártabro (coruñiferrolán) marca o punto medio ente dúas costas poderosas, de industria e excedentes da producción fabril convertibles en cultura: o Porto é un pólo, Bilbao, outro.
Rematada a autoestrada de Fene a Lisboa, fica por acabar a transcantábrica.
Uns din que ha de pasar por Vilalba; outros, que por Ferrol.
Tanto ten por onde pase, pero cómpre resolver. Sen esquecer que o alto da Gañidoira é unha aventura, de vento, néboa, chuvia e neve. Que Cedeira, Ortigueira, Viveiro, Burela, Foz… son lugares con xente viva. Que ao camiño da costa, entre Ferrol e Ribadeo, hai que lle botar moito corazón.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/10/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*