Entre Bruxelas e Londres

Bruxelas é moito menor ca Londres e o seu río é invisible (chámase Sena, coma o de París, e discorre soterrado) en canto o Támesis é famoso. Mais ambas cidades teñen algunhas semellanzas: as brétemas frías, as rúas do comercio e as prazas monumentais cheas de xente de feitíos raros, estranxeiros a feixes, turistas en grupos con cámaras e móbiles a facer selfies…

Fóra do físico, Bruxelas e Londres teñen outra semellanza: a segura aparición do termo brexit nas conversas. Todo o mundo fala nas dúas cidades, en calquera momento e lugar, de como vai saír o Reino Unido da Unión en que se metera sen ganas, e sempre a mallar co axuste de contas. Como antes se falaba do tempo, decote ruín nesas urbes poderosas, agora fálase da exit que -valla a redundancia- ten mala saída.

E hai un parecido máis de Bruxelas e Londres, capitais que se ollan con receo nesta fin de ano do 2016: os moitos galegos expatriados nelas. Son os emigrantes da xeración máis estudada do Impaís. Falando con eles do brexit e as súas consecuencias, logo xorde nas parolas a idea do retorno. Quixeran retornar, recompor vidas, traer para Galicia o que aprenderon… Nunha recepción na Embaixada de España en Londres fálase abertamente de crear un Partido Retornista con representación no Parlamento do Hórreo.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 13/12/2016.]

Share

Deixar unha resposta