Verde castrista

Durante meses Juana Maseda estivo a contar a revolución cubana segundo ela e moitos outros a fixeran: desde a pequena burguesía urbana, farta do «indio» Batista. Un dos personaxes do drama, importante mais non imprescindible, era o Fidel Castro.

Contrastado o que ela contaba, con documentos e declaracións doutros sobreviventes á represión batistiana, redactouse unha novela que necesitaba título. Discutiuse. Juana, «Mariana» na novela, era partidaria de Verde olivo, como en Cuba chaman a cor do uniforme dos que fuxiran á Serra (e non loitaban nas rúas de Santiago ou da Habana, coma o Frank Pais ou ela propia). Mais o título tiña que servir para España, en galego e castelán, e o dos cubanos soa raro pois a árbore, «el olivo», é gris. Verde oliva, da froita, valía nos dous idiomas.

Esta discusión reviviu en Miami; levantouna Conte Agüero («hermano Luis» para Fidel «o traidor»). Home culto, voz da revolución pura, acabou aceptando o xénero do ton oliváceo. E a conversa rematou con sentenza: o relatado na novela era veraz; e moito personaxe, coma el, mantíñase vivo ata ver o tirano morto… Como pasara en España, onde todo quedara atado e ben atado polo defunto. Coa diferenza de que Cuba non se vería abocada á democracia por unha Unión Europea que a invitou a se integrar nela.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 29/11/2016.]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*