Previsións (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/09/2000)

Meu pai (gloria haxa, que era un bo home) repetía un dito que lle copiaban os amigos: “Estaba previsto”; e tiña a oportunidade de soltalo de tal maneira que por veces causaba sorrisos e outras inducía á reflexión.
Coido que o meu vello, como todos as persoas responsables, levaba na trastenda da consciencia un conxunto de alarmas, cos correspondentes temores.
Cando se lle confirmaba o temido, dicía a frase. A súa arte estaba en escoller o momento de dicila…
Unha leve indisposición deu comigo na cama (lugar onde se perde moito tempo) e, canso de ler, prendín un televisor.
Así, deitado, atendín ás novas que ofrecía a CNN. Pasaban correspondentes en rolda, desde a Polonia á España, a mostraren como acontece en Europa o que se podía prever: todo son protestas, de camioneiros e agricultores (os pescadores seica non importan porque non saben bloquear portos) pola suba constante dos prezos do gasóleo.
Tiña que acontecer, tarde ou cedo, como xa mo advertiu un australiano en inesquecible ocasión: navegando a vela entre Marina del Rey e Santa Catalina, alá por Los Ángeles, nun momento de crise enerxética.
“A diferencia entre a Europa e os Estados Unidos —dixo— está en que vehículos e combustibles alá son artigos de luxo e aquí non. Calquera día, na Europa hai unha revolta”.
Pasaron os anos e velaí: o Vello Continente non deu achado paliativos á súa falta de petróleo, nin alternativa ao sistema de impostos que gravan a necesidade feita luxo.
E o peor do asunto é que podemos facer máis sinistras previsións.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/09/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*