Cuba: si e non (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/09/2000)

“Logo do que escribiches en La Habana Flash –dixéronme–, non te atreverás a ila escoitar… Tes que estar na lista negra”.
Pero fun, á conferencia de Isabel Allende, embaixadora de Cuba en España, no castelo de Santa Cruz, xoia cultural do concello de Oleiros.
Cheo absoluto. Sentado canda min, o Miguel Anxo Fernán-Vello, que marcha á Habana, á feira do libro. De pé, o Xabier Docampo.
Escoitamos a conferencia, feita con corazón dabondo e cerebro suficiente, atendemos ao coloquio e, despois, xuntámonos na cea do Clube Financeiro da Coruña.
Todo correcto, cordial, Xosé Luís Meilán representando os facedores de cartas magnas…
“Cuba”, segundo a teoría da linguaxe, implica unha inmensa cantidade de información: é historia de España, de Galicia, da Ferrolterra que alí se desangrou; é realidade diferente no mundo, valentía suprema de se enfrontar ao “ianqui loirote e grandote, / dolarudo, / fumador de liberdades, / pistoludo…”; é lembrarmos que todos temos algún parente alá, que casas boas e escolas da nosa patria infantil foron feitas con pesos cubanos.
Cuba é a paixón da illa que quixo deixar de ser provincia española para ser colonia dos Estados Unidos.
Cuba é unha arroutada, cariño pampo, amor cruel que cega e fai esquecer a súa contorna.
Cuba, si, dona Isabel: pero non nos faga comungar con rodas de muíño. Desde Grecia para aquí, democracia é democracia, tiranía é tiranía: palabras sinxelas, que non admiten tons.
Logo de vinte e cinco anos de falarmos libremente, os españois, amiga Allende, pensámoslle así.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/09/2000]

Share

Deixar unha resposta