Da ETA (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/09/2000)

Viaxando en barco, un compañeiro de viaxe soubo pola radio que o seu veciño fora morto nunha acción que a ETA daba por súa. Logo de sabelo, coa face marcada pola amargura, os dentes a renxeren de carraxe, aquel home maldiciu os executores.
Despois, pasadas as horas e xa sereno, virábase contra os medios de comunicación: “Se calasen –dixo–, non lles facían propaganda a eses canallas”.
O certo é que ETA consegue o obxectivo de chamar a atención, e mesmo ter imitadores –que poden ser pillos e falcatrúas…
Meus sogros saíron en coche da Coruña felizmente e foron ata Estella, onde os atracaron.
Seica lles entrou un suxeito por unha porta de atrás, que alí sentou e ordenou: “Sigan, sen ollaren para min. Vaian por onde eu lles diga. Son da ETA e perségueme a policía”.
O vello, que conducía nese momento, obedeceu as ordes do suposto –por el– terrorista e, cando se decatou, estaba nun lugar afastado, sen transeúntes nin vehículos á vista.
Nese punto, o pasaxeiro indesexado mandou parar e que lle entregasen as chaves. Así o fixo o conductor.
O tipo lanzou o chaveiro tan lonxe como puido e, daquela, revelou a súa condición miserable: esixindo diñeiro e unha bela cámara de fotos dixital.
Foise co botín menor e os coitados turistas da terceira idade alá ficaron, a exploraren o chan en procura de pequenos obxectos metálicos.
Atopáronos, volveron á vila e fixeron denuncia. Os policías explicáronlles que a ETA non realiza accións de tan baixa intensidade.
Con todo, os meus sogros non han de pasar máis nunca por Estella.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/09/2000]

Share

Deixar unha resposta