Cárcere verde (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/09/2000)

Na despedida, saudades do que non se puido ver, e unha última expedición. Son moitas a excursión posibles polo Amazonas durante a seca, pero cómpre ter tempo porque non hai estradas.
Ou si que as hai: unha, de Manaus á Venezuela rompe o verde da floresta co seu negro de asfalto; a unha beira e outra, espesura; de cando en cando, cicatrices de lume, facendas e chácaras, cebús e froiteiras.
Aos ollos do profano en agronomía, a terra amazónica é ruín, carece de solo. Por iso as árbores da selva teñen contrafortes nos pés, xa que as raíces non penetran.
A uns cen quilómetros de Manaus a natureza ten un antollo de rochas, saltos de auga, cachoeiras que fican dentro de facendas. Págase un pouco e deixan entrar, sen comida nin bebida, e sen animais domésticos.
A selva enxoita móstrase en toda a súa dificultade, mesta, pedindo machete para deixar paso. Os bichos acompañan cunha orquestra de élitros nerviosos e roxen as fervenzas: cae por elas unha auga da cor do té, chea de substancia de follas.
O baño é unha paréntese de frescor no afogo da selva, e chama a atención do visitante refrescado a secuencia de cavernas que rompen a monotonía do mato.
Chámanlles “catedrais”, con razón, polas columnas, as bóvedas, as aperturas no alto que deixan entrar misteriosos raios de luz.
Nelas aniñan morcegos asustadores. E ao autor de Cárcere verde (perdón pola cita) atácano saudades de aventuras que alá van.
Xosé Antonio Neira Cruz, bo compañeiro, toma fotos e cavila. Habemos esperar pola súa próxima narración para rapaces.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/09/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*