Na selva (II) (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/09/2000)

Pouco a pouco, nun pinguexar constante, avión tras avión, van chegando a Manaus os congresistas do Intercom 2000.
Feitos os trámites de instalación, fica un día para encher, e o tempo convida: pasou a tempada de chuvias na Amazonia e o río Negro ofrece a súa inmensidade chea de segredos…
Contratamos viaxe, que comeza cunha visita ao mercado flotante, secuencia de establecementos sobre toradas tan desmesuradas coma a mesma selva que as criou. Compramos cervexas para o día (marca Antárctica, sarcasmo ecuatorial) e ofrécennos unha apócema afrodisíaca sen sabor recoñecible.
Todo é cor, e suor. Mestúranse as razas a bordo de canoas estreitas, veloces, e de barcos redondos, con hamacas e cociña á popa: aquí as viaxes mídense por “días de río”.
O barco dos congresistas galegos, “privativo” por prezo mínimo, vai ao “encontro das águas”. Acompañado de golfiños grises, cruza a liña das escuras do río Negro coas barrentas do Solimões. Física e Química fan o fenómeno: partículas en suspensión, temperaturas, densidades e velocidades diferentes dan a visión onírica, fan as nubes líquidas. Á fin do proceso, mestura: o Amazonas, a síntese do Brasil onde todo o diverso se xunta nunha vontade común…
Despois viramos para o Negro e o patrón procura un canal. Bota o cabo a unha árbore que xorde da auga. Faise o silencio no igarapé, calan máquina e humanos. Maniféstanse entón os habitantes da floresta. Unha angustia vexetal cae sobre os intrusos.
Corre suor líquida polos rostros: velaí, por fin, a selva verdadeira.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/09/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*