Na selva (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/09/2000)

Manaus é un rebento de edificios no medio da selva, á beira dun Río Negro con atributos de mar, polo tamaño, o vento e as ondas. A calor de Manaus bate no viaxeiro coa violencia húmida de Asunción do Paraguai, tamén cocedoiro de xente sobre río selvático.
O transporte aquí é caro. A gasolina custa como en España; o gasóleo, a metade, pero os taxis teñen prohibido o seu uso.
Camiño ao hotel vense antenas parabólicas ollando o ceo case en vertical: porque estamos case na liña do Ecuador e os satélites xiran en órbita ecuatorial.
Anoitece con rapidez, ás seis. O día é rigorosamente uniforme ao longo do ano, dividido en secuencias iguais de luz e sombra…
Ducha, cea en restaurante especializado en peixe. Dos espantos desta selva sae un tambaquí tan grande que se vende por costelas. Os galegos ollan con abraio o costelar de que lles serven. Incrédulos, piden mostra –e aparece o camareiro cun monstro de cincuenta quilos ao lombo.
O Amazonas aínda dá un peixe maior, o pirarucú, que chega a pesar os cen…
Visita rápida ao mítico teatro da ópera. E un sono mortal con fungar de aire acondicionado.
Á mañá seguinte, conexión á rede. Na sala dos ordenadores, un tipo cincuentón saúda en galego aportuguesado. Logo é substituído por unha garota falangueira: conta ela que está aquí xunto cun profesor de Compostela, en “asuntos de pesquisa pedagóxica”.
Na recepción, o profesor vira as costas a colegas composteláns cos que non debía contar neste centro de congresos.
E, cunha gargallada comprensiva, segue a intrahistoria.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/09/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*